Pontevedra suma ao seu recordo as catro pontevedresas vítimas da violencia machista deste 2025

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra conmemorou o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller ampliando a instalación artística que recorda ás vítimas. Hoxe instaláronse catro placas máis no conxunto situado no solo da rúa Rosalía de Castro, xusto diante da Audiencia Provincial de Pontevedra. Son pezas en memoria das catro vítimas que a violencia machista deixou na provincia neste 2025.

Xa son 36 as placas que salpican a beirarrúa diante da Audiencia Provincial de Pontevedra. En cada unha delas hai unhas letras e un número. As iniciais son o nome e apelidos das vítimas que a violencia machista vai deixando na provincia dende o 2003. As cifras, a idade que tiñan cando foron asasinadas.

Co gallo do 25 de novembro o concello de Pontevedra instalou catro círculos máis. Un por cada vítima de 2025.

Estas novas placas recordan a M.C.P, de 49 anos a veciña de Moraña que apareceu calcinada nun vehículo en Campo Lameiro xunto á súa exparella; R.R.G, de 78 anos de Cerdedo-Cotobade; E.G.D, de 61 anos, a vilagarciá asasinada presuntamente a mans do seu fillo, e a traballadora do SAF asasinada por un usuario do servizo, T.D.J.G, de 48 anos.

Nesta instalación artística hai 34 placas negras que recordan ás mulleres asasinadas e dúas de cor branca, en memoria das menores pontevedresas que foron vítimas da violencia vicaria.