ILLA> Concentración na Illa de Arousa contra a reordenación do tráfico no centro urbano. Ducias de particulares, comerciantes e hostaleiros participaron esta mañá nunha protesta en contra da implantación das medidas que afectarán, especialmente, aos non residentes. Acusan ao alcalde de falta de diálogo e de ter elaborado este plan sen escoitar as súas inquedanzas. Unhas normas que moitos non ven mal, pero cren que se deberían ter implantado despois de habilitar zonas de estacionamento.
Ducias de persoas participaron esta mañá na concentración convocada na Illa contra as restricións no tráfico aos non residentes nas rúas do centro urbano. Na protesta estiveron presentes moitos comerciantes e hostaleiros que cren que estas medidas van afectar aos seus negocios.
Na protesta, tamén moitos veciños que viven na área afectada. A eles as medidas non lles van afectar porque o sistema vainos dar de alta de oficio, pero din que lles causa outras molestias, como por exemplo á hora de recibir unha visita na súa casa dun non residente.
Con todo, moitos dos que hoxe participaban na protesta non amosaban o seu malestar polas medidas senón pola falta de información. Mesmo recoñecen que as medidas poden ser boas, pero precipitadas. Cren que antes disto habería que habilitar novas áreas de estacionamento.
Á protesta sumábase o PP da Illa.
O Plan de tráfico que deseñou o goberno local non afectará a todo o núcleo urbano, senón a unha zona delimitada duns 200.000 metros cadrados entre a Ribeira do Chazo, a Avenida de Castelao, a rúa Torre e o Camiño da Abilleira.











