Os retos de futuro do sector agroalimentario, a debate no Lab Barbanza

BOIRO> O Lab Barbanza acolleu a xornada Agro 360 sobre o sector agroalimentario galego. Destacados expertos e profesionais analizaron cuestións que afectan a un dos principais sectores produtivos de toda Galicia como os novos marcos legais ou a necesidade de adaptación ó cambio climático.

Os retos de futuro do sector agroalimentario galego, un dos máis puxantes tamén na comarca do Barbanza, foron obxecto de debate na xornada Agro 360 desenvolvida esta mañá no Lab Barbanza de Boiro. A iniciativa, promovida polas empresas que forman parte deste coworking, tiña por obxectivo analizar o potencial do sector en materia de emprendemento e creación de emprego, sostibilidade medioambiental, adaptación ó cambio climático ou os novos marcos legais que lle afectan.

Destacados expertos e representantes de numerosas empresas do sector expuxeron o seu punto de vista sobre a actividade agroalimentaria que constitúe actualmente, xunto co mar, un dos principais nichos de mercado do Barbanza.

Tralas distintas mesas redondas, a xornada rematou cun acto de clausura no que participou a deputada provincial de Emprego, Rosa Ana García, seguido dunha degustación de viños e produtos da terra.