Xunta e Concello acordan o emprazamento do novo centro de saúde sonense

PORTO DO SON> O novo dispensario estará situado nunha parcela de titularidade municipal lindeira á propia casa do Concello.

O alcalde, Luís Oujo, confirmou a que será a localización do novo centro de saúde, na que a consellería de Sanidade executará o proxecto previsto na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro do pasado ano pola Xunta.

O lugar escollido sitúase a carón do Concello, nunha parcela de titularidade municipal. O emprazamento xa recibiu o visto bo de Sanidade.

Segundo explicou o rexedor a vontade do Concello pasa por aproveitar a construción deste centro para crear na súa contorna un espazo de uso público para esparexemento e lecer, unha proposta que ten perfecto encaixe coas necesidades da Xunta.

Ademais de aumentar en máis dun 66% a capacidade do actual, o novo centro contará tamén con novos espazos e servizos, entre as que se atopan as consultas de odontoloxía, farmacia e enfermaría pediátrica.

A construción do novo centro de saúde virá a dar resposta as necesidades actuais en materia sanitaria, xa que o vello edificio, cunha antiguidade de preto dos 30 anos presentaba numerosas carencias e non existía a posibilidade de poder amplialo. A intención do Concello pasa por derrubar o inmoble e recuperar esa zona para uso público