O PORTO DO SON> A praia sonense do Cruceiro, en pleno casco urbano da vila, é un dos tres areais en Galicia nos que a consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático decidiu instalar, a modo de experiencia piloto, un refuxio inclusivo finalidade mellorar a accesibilidade e o benestar das persoas con problemas de mobilidade ante situacións meteorolóxicas adversas, especialmente durante episodios de altas temperaturas.
Esta mañá a Conselleira, xunto co alcalde, Luís Oujo, visitaban a estrutura, totalmente sostible e integrada na paisaxe.
Segundo Ángeles Vázquez a zona contribuirá a crear espazos públicos máis inclusivos, sostibles e confortables, ademais de reforzar os criterios de calidade e accesibilidade asociados a distintivos ambientais como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde.
O refuxio conta con accesos libres de barreiras arquitectónicas, espazos amplos para persoas usuarias de cadeira de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e a seguridade.
O proxecto no seu total conta cun orzamento duns 85 mil euros e intégrase no marco da Lei de xestión e ordenación integrada do litoral de Galicia (Loxilga).
Ademais da do Cruceiro do Porto do Son, instalaranse tamén estas estruturas climáticas sostibles nas praias da Ladeira, en Baiona, e na da Area, en Viveiro.











