CAMBADOS> En Cambados, comezan as negociacións entre o bipartito e os grupos da oposición para a aprobación dos Orzamentos deste 2022. O BNG, que pode ser clave para sacar adiante as contas, quere que as reunións sexan individuais con cada un dos grupos. Unha condición que PSOE e Somos aceptaron: mañá mesmo, de feito, terán o primeiro encontro en solitario co Bloque. A proposta do goberno local para este 2022 increméntase en 600.000 euros, acadando os 9,7 millóns.
O partido acaba de comezar e faino coa primeira xogada por parte do BNG. Os nacionalistas queren negociar co bipartito cambadés os Orzamentos deste 2022, pero se os encontros son individuais. Unha condición que PSOE e Somos non acaban de entender, pero que aceptan.
Así que a primeira reunión individual entre o executivo local e o BNG terá lugar mañá mesmo. Seguiralle outra xuntanza co PP e outra máis con Cambados Pode. O bipartito presentou onte a súa proposta orzamentaria aos grupos nunha reunión que, neste caso, si foi conxunta. o borrador ascende aos 9,7 millóns de euros, 600.000 máis respecto as anteriores.
O primeiro punto de desencontro entre o bipartito e o BNG é o capítulo destinado ao Albariño. O Bloque quere que se reduza en 70.000 euros, que propón destinar a outros festexos.
Outro punto de fricción é o cemiterio de Vilariño, por mor do convenio polo que o concello financia as obras de mellora das instalacións. O BNG propón pasar esa partida a gastos correntes, algo que non comparte o alcalde.
Lago cre que hai marxe para o acordo e fala duns Orzamentos expansivos. Di o alcalde que estas contas buscan volver á normalidade logo da pandemia, cunha recuperación dos investimentos que nos últimos anos víronse condicionadas polas restricións da pandemia.