VILAGARCÍA> O goberno de Vilagarcía levará ao pleno deste mes o convenio con Augas de Galicia para a ampliación da depuradora. O proxecto terá un custo de 31 millóns de euros, dos que o concello terá que aportar 6. Dado o elevado desa contía, o goberno local chegou a un acordo coa Xunta para financiar con fondos propios a súa parte, achegando 600.000 euros ao ano durante 10 anos. O alcalde agarda que esta proposta sexa aprobada por unha ampla maioría da corporación.
Despois de anos de trámites, o proceso para a ampliación da depuradora de Vilagarcía está un chisco máis preto. O concello e Augas de Galicia chegaron a un acordo para o financiamento do proxecto, que ascende a 31 millóns de euros. Vilagarcía terá que achegar 6 millóns a estas obras. Unha elevada contía que terá que ser ratificada polo pleno municipal. O grupo de goberno levará á sesión ordinaria deste mes o convenio ao que se chegou coa Xunta para facerlle fronte a ese investimento.
O alcalde agarda que o convenio sexa aprobado por unha ampla maioría do pleno, tendo en conta ademais que vai afectar aos orzamentos da actual corporación e das vindeiras. Varela recoñece o esforzo pero, engade, a cidade non pode renunciar á ampliación da depuradora nin aos fondos europeos que a van cofinanciar.
Así que a partir de 2026, Ravella terá que reservar todos os anos unha partida de 600.000 euros para pagar a EDAR. O alcalde apunta que, dada a solvencia das contas nestes momentos, tamén se podería botar man de remanentes e, en último caso, pedir un préstamo.
Ademais deses 6 millóns que aporta Vilagarcía, a Xunta achega á EDAR 10 millóns e outros 15 proveñen de fondos FEDER. O proxecto, chegado o momento terá que ser licitado pola Xunta, cunha estimación de que as obras duren entre 3 e 4 anos.











