Valdecorvos e Tafisa, as parcelas escollidas para acoller a nova promoción de vivenda pública en Pontevedra

PONTEVEDRA> O Instituto Galego de Vivenda e Solo ve con bos ollos as sete parcelas propostas polo concello de Pontevedra para construír máis de 150 vivendas de promoción pública na cidade. Entre as opcións postas sobre a mesa, son os terreos de Tafisa e de Valdecorvos os máis valorados. Así as cousas, o departamento autonómico non desbotou ningunha das posibilidades, que agora estudará máis a fondo.

Boa sintonía na primeira reunión entre o concello de Pontevedra e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Na reunión mantida onte no concello, o departamento autonómico trasladou a súa valoración das sete parcelas ofertadas polo goberno local para a construción de vivenda pública. A idea do IGVUS é comezar a traballar cos terreos de Valdecorvos e Tafisa.

Nunha segunda quenda, valorarán as parcelas das rúas das Devesas, Amado Carballo e Poza dos Canos, tamén con licenza directa pero con menos superficie. Finalmente, traballarían coa Finca do Teucro.

O goberno local aproveitou o encontro para trasladar ao IGVUS o estado das licenzas pendentes que permitirán a construción de máis de 70 vivendas en Valdecorvos. O expediente e a documentación presentados xa contan co visto bo do concello, que agarda poder aproba a licenza definitivamente na vindeira xunta de goberno local.