A medicalizada do Salnés marcha para Portonovo durante o verán

SALNÉS> Pouco durou a ambulancia medicalizada no Salnés. O equipo prestaba servizo dende o mes de outubro, pero a partires de mañá deixará a base do Hospital comarcal para actuar dende Portonovo durante o verán. Unha decisión que o persoal critica con dureza xa que, aseguran, non atende a criterios médicos.

Nove meses despois da entrada en servizo da ambulancia medicalizada para o Salnés, o equipamento deixa a base do Hospital comarcal para trasladarse a Portonovo. O cambio foi anunciado onte e farase efectivo mañá, coa previsión de manterse durante todo o verán. Esta ambulancia funcionaba 24 horas; no seu lugar, a comarca contará con outra que cubrirá unicamente 12 horas diarias.

Dende a CIG denuncian que o cambio non atende a razóns médicas, e critican que a Xunta agardara a pasar as eleccións para facer pública a decisión. Algo que tamén apuntan dende o BNG.

Non só dende o BNG critican con dureza a decisión do Sergas. Formacións como Somos Cambados ou o Partido Socialista coinciden en sinalar que se trata dun recorte máis en sanidade.

Dende a CIG recordan que en anos anteriores, a Consellería de Sanidade reforzaba o transporte sanitario da área de Pontevedra poñendo unha ambulancia medicalizada a maiores en Sanxenxo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí