Sanxenxo merca por 300.000 euros un terreo en Portonovo para construír un aparcadoiro público

SANXENXO> Sanxenxo amplía a súa bolsa de aparcadoiro no centro de Portonovo. O concello vén de adquirir unha parcela na que construirá un parking público de cara ao vindeiro ano. Mentres non arranquen as obras, o terreo poderá ser empregado polos residentes como aparcadoiro gratuíto, cunha capacidade para uns 20 vehículos. A parcela tivo un custo de 300.000 euros.

Esta parcela de case 500 metros cadrados en pleno centro de Portonovo xa é propiedade do concello de Sanxenxo. Esta semana pechouse a compra a través da empresa pública Nauta Sanxenxo por 300.000 euros.

Agora o concello xa traballa para construír neste espazo o que será o primeiro aparcadoiro público en altura de Portonovo. Está previsto que teña capacidade para unhas 60 prazas en rotación distribuídas en tres plantas..

Este é o obxectivo de cara ao verán do ano que vén. Mentres, dende esta mesma tarde e ata o arranque das obras, os veciños poderán empregala para aparcar de xeito totalmente gratuíto. O solar ten espazo para unha vintena de vehículos.

Iso si, o aparcadoiro está reservado para os residentes en Portonovo. É dicir, é preciso estar empadroados no municipio e ter o vehículo con domicilio en Sanxenxo para poder aparcar nesta parcela.

Ademais, este ano estarán dispoñible no varadoiro as 83 prazas de aparcadoiro habilitadas durante o verán nos días da Festa de San Roque. Para afectar o menos posible ao estacionamento no centro da vila, o concello decidiu trasladar as atraccións á avenida Rafael Picó.