Cambados remata as obras do novo comedor do CEIP Corvillón

CAMBADOS> Cambados remata as obras do novo comedor do colexio de Corvillón. A intervención tivo un custo de 7 mil euros e actuou no teito, nos mesados e nas instalacións de electricidade e fontanería. O comedor era unha petición expresa do Anpa para axudar á conciliación laboral.

O concello de Cambados triplicou este ano os seus investimentos nos centros escolares do municipio, cunha aportación de 45 mil para acometer diferentes melloras nos colexios e institutos. Unha desas reformas levouse a cabo no CEIP Corvillón coa creación dun comedor.

O concello investiu 7 mil euros na renovación do teito, e na instalación do mesado e de novas redes eléctricas e de fontanería. A intervención cumpre coa petición do Anpa.

O comedor terá unha ocupación máxima para 35 alumnos dos 95 cos que conta o centro. Pero en caso de que fora necesario habilitaríanse dúas quendas para acoller a todos os que o necesitasen. Para o concello é unha posibilidade máis para axudar ao alumnado e á comunidade educativa dos centros de ensino de Cambados.

O comedor está agora pendente da inspección da Xunta para certificar que se cumpren con todos os requisitos para o seu uso. Unha vez certificado, será a propia consellería a que se encargue de dotalo do mobiliario necesario. A previsión é que comece o seu funcionamento no segundo trimestre.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí