Porto do Son non deixa de buscar a Javier e Miguel

PORTO DO SON> Transcorridos xa once días dende a súa desaparición ninguén en Porto do Son deixa de buscar a Javier e a Miguel. Durante toda a mañá, Salvamento Marítimo e o servizo de Gardacostas despregaron numerosos medios entre A Filgueira e a illa da Creba. Pola tarde, varias embarcacións da confraría de Porto do Son sumáronse ó operativo de busca.

Por mar e por terra son numerosos os medios que seguen na procura de Xabier Hurtado e Miguel Quan desaparecidos xa hai once días mentres navegaban pola ría a bordo dun kaiak. Onte intensificábase o operativo ó cumprirse o prazo de tempo no que hai maiores posibilidades de que os corpos emerxan. E ó longo desta xornada numerosas embarcacións volveron saír ó mar en busca dos mozos.

Tamén por terra, son moitísimos os voluntarios que buscan incansablemente calquera indicio que lles permita devolver os corpos ás familias. Mañá volverán sumarse ó operativo barcos de Noia como xa fixeron o mércores. Dende a confraría de Porto do Son teñen todas as esperanzas en que aparezan polo que non deixarán de buscar ata que consigan dar descanso ás familias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí