Cambados esixe un protocolo COVID aos locais de ocio nocturno

CAMBADOS> Cambados reforzará as esixencias aos locais de ocio nocturno para garantir a seguridade sanitaria. Goberno local, Garda Civil e Policía Local celebraron un encontro no que definiron o dispositivo de seguridade do verán. A partires da semana que vén, os establecementos precisarán dun plan de contixencia e dun protocolo COVID-19 para poder abrir.

Cambados non afrouxa a vixilancia. O pasado luns, o goberno local reuniuse con representantes da Policía Local e da Garda Civil, un encontro no que decidiron reforzar as esixencias en materia de seguridade para os locais de ocio nocturno.

Circuítos de entrada e saída do local, limitación do aforo, emprego de barreiras físicas, medidas de protección do persoal e do público, presenza de controladores de acceso para os eventos, son algunhas das medidas que deberán detallar os plans de continxencia para minimizar os riscos de contaxio.

Dende o goberno local apelan, sobre todo, á responsabilidade individual dos seus veciños.

O concello reforzará tamén a vixilancia nas festas privadas. Neste novo escenario, estes eventos proliferan no municipio e trasladaron a marcha nocturna cara as parroquias do rural.

Un Albariño sen celebracións

Este reforzo na vixilancia prodúcese a pouco máis dunha semana da Festa do Albariño. Para evitar riscos, este ano non haberá ningún tipo de celebración. O concello non prepara actividades alternativas, e tampouco concederá permisos para os locais monten barras na rúa ou celebren actuacións musicais e concentracións de xente na vía pública. De feito, a alcaldía emitiu un bando recomendando que non se celebren, tampouco, reunións privadas con familiares e amigos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí