A antiga fábrica da Telleira en Quintans na lista vermella do Patrimonio

A Lista Vermella do Patrimonio da asociación Hispania Nostra, dependente da UNESCO, na que se recollen aqueles elementos do Patrimonio Cultural Español sometidos a risco de desaparición, volve a incluír un elemento arquitectónico do Barbanza. Neste caso trátase da antiga telleira de Quintáns, na parroquia rianxeira de Isorna, da que apenas se conserva a súa estrutura externa. Dende a entidade sinalan que este tipo de construcións son claros exemplos de arquitectura popular esquecida e non sempre valorada como se merece, malia a súa importancia histórica e patrimonial. A asociación Hispania Nostra tamén recolle no seu listado outras tres fábricas deste tipo máis que se emprazan en Catoira e Valga. Hispania Nostra lamenta que case ningunha destas construcións goce na actualidade de protección legal específica e sigan a día de hoxe abandonadas e cubertas de maleza.