Satisfacción en Rianxo pola venda de seis novas parcelas no polígono a Stolt Sea Farm

RIANXO> O director xeral de SEPES, a Entidade Pública Empresarial de Solo, ente adscrito ó ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que xestiona entre outros parques empresarias, o polígono de Té, visitaba esta mañá a localidade para manter un encontro no Concello co alcalde e a tenente de alcalde, Mari Carme Figueira.

Na xuntanza, na que tamén tomou parte a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, abordáronse diversos temas relacionados co tecido empresarial do municipio, entre eles, a recente venda de seis parcelas cunha superficie total de preto dos 45 mil metros cadrados á empresa de acuicultura Stolt Sea Farm.

O alcalde, Adolfo Muíños, non podía ocultar a súa satisfacción por este anuncio que suporá un pulo importante ó desenvolvemento económico e ó emprego no municipio.

Posteriormente o director xeral de SEPES achegouse ata o polígono para comprobar a boa marcha das obras de construción das novas instalacións da conserveira Cerqueira.

Alí  tivo tempo de conversar con membros do seu consello de administración que lle trasladaron os plans da firma, que prevé investir no proxecto uns 28 millóns de euros, no que se incluirá o desenvolvemento de novas liñas de produción.

No que vai deste ano 2022 adxudicáronse más de 54 mil metros cadrados de superficie neste polígono, onde a superficie actual ocupada xa se achega ó 90%, polo que dende o Concello e dende o propio SEPE, xa se está a estudar a súa posible ampliación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí