O Concello de Poio “Reinicia o verán” cun centenar de actividades culturais

POIO> “Reinicia o verán” ese é o nome da programación cultural que levará a cabo o Concello de Poio durante a tempada estival. Máis dun centenar de actividades que se desenvolverán polas diferentes parroquias do municipio.

Tras a suspensión de celebracións como o San Xoán ou a Festa da Ameixa, o Concello de Poio decidiu reinventarse e reiniciar o verán. O goberno municipal elaborou un programa con máis de 100 actividades culturais para esta época estival. Todas elas desenvolveranse, ata o vindeiro mes de setembro, polas diferentes parroquias do municipio.

Concertos, teatros, espectáculos infantís e sesións de cine. Estas son algunhas das actividades que se levarán a cabo durante todo o verán en Poio.

Tras a crise da Covid, o Concello de Poio tivo que readaptar toda a programación prevista para este verán e, en todos os escenarios, o goberno municipal porá en marcha un estrito protocolo de seguridade.

No Día de Galicia, en Raxó haberá unha charanga pola mañá e, pola tarde, o centro cultural Xaime Illa acollerá un espectáculo musical. Durante a vindeira semana, celebrase, por exemplo, o concerto de De Vacas, en Lourido, o espectáculo do Mago Paco, en Samieira ou o concerto de Jazz Frequency Group en Campelo. Na páxina web do Concello iranse desvelando paulatinamente o resto dos eventos.