A CIG desconfía do acordo entre Xunta e propietarios de Thenaisie que os mantería á fronte

O GROVE> A CIG desconfía do acordo entre a Xunta e os actuais propietarios da conserveira Thenaisie Provoté para desbloquear o conflito aberto. Segundo o sindicato, o goberno autonómico prometeu axudas económicas ao grupo romanés propietario da factoría para que continúen coa súa xestión. Un movemento que non entenden xa que recordan que foi precisamente esta xestión a que levou á conserveira ao concurso de acredores. O mércores manterán unha reunión na Xunta, e non desbotan retomar as mobilizacións.

O conflito aberto pola continuidade da conserveira Thenaisie Provoté complícase. A CIG asegura que na actualidade a Xunta está a traballar co grupo romanés propietario da factoría para que se manteñán á fronte da xestión. A cambio, recibirían financiamento de fondos públicos a través do Igape.

Non entenden por que non se tivo en conta a oferta presentada por un empresario galego para facerse cargo da conserveira. A proposta comprometíase a manter os postos de traballo e a actividade, pero o estancamento do conflito levouno a retirar a oferta. Agora dende a CIG reclaman explicacións.

A CIG avisa que non apoiarán a continuidade da empresa romanesa e consideran o seu proxecto fracasado. O mércores manterán unha reunión na Xunta onde agardan recibir explicacións sobre as ofertas enriba da mesa, e non desbotan retomar as mobilizacións. Tampouco reclamar responsabilidades patrimoniais.

Ante esta situación, o sindicato dubida das intencións da Xunta e da empresa propietaria. Ademais, acusan ao goberno autonómico de mudar a súa actitude unha vez pasadas as eleccións autonómicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí