CAMBADOS> A folga dos transportistas comeza a pasar factura nas empresas do sector primario. Na principal cooperativa hortícola de Galicia, situada en Cambados, xa comezaron a tirar alimentos. Os produtores están a diminui-la recollida das colleitas para tentar reduci-las perdas. Con todo, din que se o conflito se prolonga durante moitos días, as perdas serán cuantiosas.
A folga dos transportistas colleu a Horsal, a principal cooperativa hortícola galega, con mercadorías nas súas cámaras de Cambados. A imposibilidade de repartilas todas, obrigou xa a comezar a tirar alimentos, aínda que polo de agora de forma moderada.
O impacto tamén é menor pola decisión de diminuí-la recolección sobre o terreo. Unha opción viable grazas aos tipos de cultivo de tempada.
No interior da cooperativa, a xornada discorre con normalidade, mantendo os labores habituais. Algunhas cadeas de supermercados están recollendo parte da mercadoría. Outras, levan días sen pasar por aquí.
Pero moitos dos transportistas que si están a recoller produtos, están a sufrir as consecuencias dos piquetes.
Quen menos está a notar, de momento, as consecuencias deste paro son os agricultores, que contan cun bo acopio de sulfatos e abonos. Algo semellante ao que ocorre noutro sector vital para O Salnés: o vitivinícola.