Mar e a confraría de Noia defenden o labor do Intecmar ante as críticas de Plademar

NOIA> Durante a súa visita a Testal, a Conselleira pronunciouse tamén sobre as denuncias formuladas por Plademar ó respecto do funcionamento do Intecmar. A Plataforma demanda que se realicen analíticas tamén durante a fin de semana para evitar peches cautelares que supoñan a perda de xornadas de traballo.

Os mariscadores de Noia permanecen en terra dende finais da pasada semana cando o Intecmar volveu detectar índices de toxina por riba do límite. Unha situación que acontece xa con demasiada frecuencia debido ás infrecuentes condicións climatolóxicas dende que se iniciara a campaña. Os peches cautelares, sen embargo, desataron as críticas da Plataforma en Defensa da Ría de Muros Noia quen demanda ó Intecmar a toma de mostras e realización de análises tamén durante as fins de semana para coñecer con maior detalle a situación dos bancos e evitar a perda de xornadas de traballo. A este respecto, Rosa Quintana volveu defender o bo funcionamento do Instituto dependente da Consellería que se ve complementado polo labor dos laboratorios privados contratados pola confraría.

Moito máis crítico amosouse o patrón maior noiés aclarando que Plademar non representa ós profesionais da ría coa realización destas críticas que non considera construtivas.

Santiago Cruz defendeu o traballo do Intecmar explicando que grazas ás súas analíticas, o marisco extraído o xoves non chegou a ir ó mercado evitando así un risco para os consumidores

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí