As federacións de ANPAS piden diálogo e colaboración á Xunta para poder manter os comedores escolares

PONTEVEDRA> Non haberá comedores escolares se a Xunta de Galicia non modifica o protocolo para o vindeiro curso escolar. Así o anunciaron hoxe os representantes das diferentes Federacións de nais e pais da provincia de Pontevedra. Estes colectivos acaban de presentar un escrito ante a Consellería de Educación no que piden á administración maior colaboración para continuar con este servizo.

Compromiso de colaboración por parte da Consellería de Educación, atención á totalidade dos usuarios e que os custos económicos derivados do incremento de persoal sexan asumidos pola administración autonómica. Esas son as principais condicións que necesitan as Fanpas para continuar xestionando os comedores escolares, as aulas de madrugadores e as actividades extraescolares no vindeiro curso. Tres medidas que foron trasladadas xa á Xunta de Galicia.

No protocolo elaborado pola Xunta establécese unha redución de prazas nos comedores escolares e, polo tanto, non se podería dar servizo á totalidade das familias. Ademais, esta medida levaría aparellada un incremento significativo do custo.

Os presidentes das Federacións de nais e pais da provincia fan fincapé en que eles si queren continuar co servizo, pero para iso é necesario que a Xunta de Galicia dialogue cos representantes das familias.

No caso de que as Fanpas non teñan resposta por parte da Consellería de Educación, os representantes dos pais e nais veríanse obrigados a suspender os comedores, as aulas de madrugadores e as actividades extraescolares para o vindeiro curso escolar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí