PORTO DO SON> ACERGA negocia cos armadores do golfo de Cádiz unha rebaixa na cota da sardiña. Os cerqueiros galegos optaron por mercarlle cota ós andaluces para poder reabrir a pescaría tras esgotar o cupo no mellor momento da campaña.
O esgotamento da cota de sardiña obrigou ó cerco galego a buscar solucións para garantir a continuidade do seu traballo. Unha delas é a compra de cota ás embarcacións do golfo de Cádiz o que lles permitiu reabrir a pescaría desta especie.
Tras volver a actividade, dende ACERGA tentan negociar unha baixada dos prezos a que están a adquirir as cotas porque nas actuais condicións case non resulta rendible.
Mentres tanto, son moitas as embarcacións que optaron por dedicarse á anchoa, especie que polo momento abonda.
Dende ACERGA insisten en que o reparto coa cota da sardiña non é un problema puntual e advirten de que o plan conxunto con Portugal, prexudicial para a flota galega, estará vixente ata 2023.