VILAGARCÍA> Nova sentenza favorable para os traballadores de Coinba, en Vilaxoán. Desta volta o xulgado extinguiu os contratos de seis traballadoras fixas discontinuas que non foran convocadas aos seus postos dende finais de 2024. A CIG explica que tamén se lles recoñecen as súas indemnizacións por despedimentos improcedentes. Algunhas destas traballadoras levaban vinculadas a Coinba dende o ano 1987.
Os tribunais volven dar a razón ás traballadoras de Coinba, en Vilaxoán. Desta volta, o xulgado atendeu á demanda da CIG de extinguir os contratos de seis operarias fixas-discontinuas. O sindicato alegaba falta de chamamento e de traballo efectivo.
A sentenza recoñece tamén a estas traballadoras as súas indemnizacións por despedimento improcedente. Así, correspóndenlles 45 días por ano traballado no período previo á aprobación da reforma laboral do ano 2021. Despois, son 30 días por ano traballado. Algunhas destas mulleres eran traballadoras de Coinba dende o ano 1987.
Actualmente só hai tres traballadores dados de alta en Coinba pero a CIG asegura que a factoría non retomou o traballo efectivo. Dende o sindicato destacan outra das cuestións recollidas na sentenza: a neglixencia e fraude de lei na contratación de fixos-discontinuos.
Tras esta sentenza favorable, aínda queda camiño xudicial para os traballadores de Coinba. Dende a CIG explican que terán que recorrer a esta vía para reclamar contías salariais e indemnizacións que a empresa aínda adebeda. Ademais, teñen outro xuízo pendente dun traballador contratado de xeito indefinido.











