PONTEVEDRA> Volve a Feira do Mel a Pontevedra. Iso si, a súa imaxe é moi distinta a de anos anteriores. Con motivo da crise da Covid, o evento reduciu o número de postos, así como tamén, os días de celebración.
A rúa Serra de Pontevedra volve a acoller un ano máis a Feira do Mel. Así e todo, nesta trixésima edición afectou de cheo a crise da Covid. Por unha banda, o número de postos reduciuse a 7 e, co obxectivo de garantir a seguridade de todos os asistentes, este ano hai tamén limitacións en cada unha das casetas.
A pesar das limitacións establecidas pola crise sanitaria, o Concello de Pontevedra decidiu finalmente celebrar esta edición da Feira do Mel. Algo esencial para os apicultores.
Nesta Feira do Mel de Pontevedra podedes atopar unha gran variedade de artigos. Dende as meles máis clásicas ata produtos de cosmética ou cervexas.
Iso si, este ano os asistentes deberán confiar plenamente na opinión dos apicultores porque non está permitido probar os produtos antes de mercalos.
A Feira do Mel estará dispoñible ao longo desta fin de semana. O horario é de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas. O domingo soamente estará aberta de 11:00 a 14:30 horas.