“Obsoleta, ditatorial e discriminatoria”, así define o PP de Pontevedra a ordenanza de mobilidade

PONTEVEDRA> Críticas do PP á nova ordenanza de mobilidade. Un documento que será levado ao pleno municipal do próximo luns para a súa aprobación. Os populares criticaron hoxe a falta de colaboración do goberno local neste sentido cos colectivos da cidade. Asociacións e entidades que levan meses demandando novas medidas.

“Obsoleta, extemporánea, ditatorial e discriminatoria”. Así definiron hoxe os populares a nova ordenanza de mobilidade de Pontevedra. Un documento que non ten en conta as demandas dos colectivos da cidade e, en especial ás persoas con mobilidade reducida.

A pesar de que esta ordenanza non tivo alegacións no período de exposición pública, dende o PP aseguran que o propio alcalde se comprometeu cos colectivos máis afectados por este documento a ter en conta as dúas demandas. Un feito que, polo de agora, non se cumpriu. Aínda así, Lores aseguraba esta mesma semana que a ordenanza podería ser modificada despois da súa aprobación no Pleno. Algo que foi criticado hoxe polo concelleiro Pablo Fernández.

O edil popular cualificou tamén como “contaminante” esta nova normativa, xa que nela non se fomenta o uso do transporte colectivo, da bicicleta ou do vehículo eléctrico.

Con todas estas críticas sobre a mesa, os populares piden que se retire da orde do día do próximo pleno a aprobación desta ordenanza e que se escoite aos colectivos da cidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí