Vilanova recoñece ao Conselleiro de Sanidade o seu labor na pandemia coa insignia de ouro da Festa do Mexillón

VILANOVA> A Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova estrea formato. Este ano non hai carpa gastronómica no xardín Umbrío, pero dende hoxe estes bivalvos son os reis das tapas da hostalería local. O día grande será o domingo, coa entrega das insignias de ouro e brilantes. Este ano recollerán os recoñecementos o conselleiro de Sanidade e os responsables de protección civil e policía local de Vilanova, polos seus papeis durante a pandemia.

A Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova mira tamén cara a crise sanitaria provocada polo coronavirus para entregar as súas insignias de ouro e brilantes. Este ano o concello concede este distintivos a dous veciños: Ricardo Pérez, responsable de Protección Civil, e José Luís Maquieira, Xefe da Policía Local. A terceira insignia entregarase ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

A entrega dos distintivos celebrarase o domingo á unha do mediodía. Iso si, o acto será no interior do concello, para evitar aglomeracións de persoas.

Este acto será o broche de ouro da Festa do Mexillón e do Berberecho que arrincou hoxe en Vilanova. Unha edición especial que se decidiu adaptar ás novas circunstancias derivadas do coronavirus. En lugar da carpa no xardín Umbrío, a degustación farase nos locais da vila.

O concello confía en que a festa sexa todo un éxito, repetindo a boa acollida que xa tivo a fin de semana pasada a primeira edición da Festa da Conserva.