Os partidarios de ENCE sairán de novo á rúa ‘diga o que diga’ a Audiencia Nacional

PONTEVEDRA> Decida o que decida a Audiencia Nacional sobre o futuro de Ence, Comisións Obreiras retoma o calendario de mobilizacións a favor da continuidade da pasteira en Lourizán. O sindicato convocou unha mobilización para o vindeiro 16 de xullo na defensa, din, dos postos de traballo. Sobre a legalidade da prórroga concedida polo goberno en funcións de Rajoy, din estar convencidos de que a decisión do alto tribunal será favorable aos intereses dos traballadores.

Pase o que pase e decida o que decida a Audiencia Nacional, os partidarios da continuidade de Ence en Lourizán volverán mobilizarse. Comisións Obreiras convócaos para o vindeiro 16 de xullo, con independencia do que resolva o alto tribunal sobre a legalidade da prorroga ata 2073 concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy.

A marcha rematará ás portas da antiga casa do Concello, poñendo o foco de novo no alcalde Lores, ao que acusan de mentir cando fala dunha posible localización alternativa para a pasteira. Entenden que en toda Galicia o único lugar que reúne as condicións é onde está. Tamén cargan de novo contra a Deputación de Pontevedra. Confía en que a Audiencia Nacional resolva ao seu favor para poñer fin á ‘persecuación’ á que segundo entenden están sometidos.

Porque en Comisións Obreiras están confiados en que a Audiencia tome unha decisión ‘favorable’ para os intereses dos traballadores. Con todo, cren que os xuíces xa están condicionados. Tamén sospeitan que a mesa de diálogo, que só se reuniu unha vez, sirve só para reforza-la mensaxe dos detractores da pasteira.

Por outra banda, as 13 persoas que asaltaron o concello no marco dunha protesta a prol de Ence, seis delas membros de Comisións, foron citadas a declarar no xulgado o vindeiro 13 de setembro.