PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra oponse ao acordo adoptado polo Goberno do Estado e a FEMP sobre os remanentes. O voceiro popular impulsará, no vindeiro Pleno municipal, un acordo para que o Concello non entregue os seus aforros e pedirá aos socialistas que se manifesten ao respecto.
O PP de Pontevedra presentará no vindeiro Pleno municipal unha moción para evitar que o Concello entregue os seus remanentes ao Goberno do Estado. Na rolda de prensa celebrada esta mañá, Rafa Domínguez criticou duramente esta medida e pediu aos socialistas que manifesten a súa opinión ao respecto.
O voceiro popular aplaudiu a decisión do BNG de posicionarse en contra do acordo adoptado polo Goberno e pola FEMP sobre os remanentes. Por iso, Domínguez entende que o partido liderado por Lores votará a favor da súa moción.
Outro dos asuntos que se debaterán no vindeiro Pleno municipal é a ordenanza de mobilidade. Un documento que espertou o malestar de numerosos colectivos e que foi criticado esta mañá polo presidente do PP de Pontevedra.
Neste sentido, os populares sitúanse do lado dos colectivos afectados pola nova normativa e aseguran que votarán en contra desta ordenanza na próxima sesión plenaria.