Os empresarios do ocio nocturno están fartos de que se lles “criminalice” coa crise da Covid

PONTEVEDRA> O ocio nocturno síntese “criminalizado” tras a decisión do Goberno de pechar os pubs e locais de copas. Os hostaleiros descoñecen o tempo que durará esta medida e piden ás administracións máis axudas para o sector.

Malestar, decepción e preocupación. Esas son as palabras que mellor describen o que están a vivir os empresarios do ocio nocturno tras a decisión do Goberno do Estado de pechar os pubs e locais de copas. Unha medida coa que os hostaleiros galegos se senten “criminalizados”.

Os empresarios do ocio nocturno non entenden por qué se lles acusa a eles dos rebrotes que están a xurdir en todo o territorio nacional e aseguran que están discriminados con respecto a outros sectores.

Coa nova normalidade, moitos pubs en Pontevedra decidiron manter as súas portas pechadas ante a incerteza do que estaba por vir. Así e todo, outros moitos decidiron arriscarse coa inversión que iso supuxo. Unha inversión que agora senten que non serviu para nada.

O sector descoñece o tempo que durará esta medida e, por iso, os empresarios piden as administracións un plan de rescate para poder sobrevivir nos vindeiros meses.

Coas medidas implantadas polo Goberno do Estado, o sector nocturno está abocado ao peche definitivo. Un peche que, de facerse realidade, afectaría a centos de familias na nosa comunidade.