Pontevedra concéntrase para apoiar ao pobo ucraíno e pide coordinación no envío de axuda

PONTEVEDRA> Unión en Pontevedra para condenar a invasión rusa en Ucraína. Concello, Deputación e Subdelegación, con representantes tanto do goberno como da oposición, participaron na concentración silenciosa de cinco minutos convocada ás portas de Michelena 30. Ao acto, impulsado dende a Federación Española de Municipios, tamén se uniron varios veciños para amosar a súa solidariedade co pobo ucraíno. Dende as administracións chamaron, tamén, a ordenar e coordinar a vaga de solidariedade.

As portas de Michelena 30 foron o escenario no que Pontevedra respondeu á convocatoria da Federación Española de Municipios e Provincias. Representantes do concello, da Deputación e da Subdelegación do Goberno gardaron cinco minutos de silencio para condenar a invasión rusa en Ucraína.

Antes de participar nesta convocatoria, Carmela Silva asistiu a unha reunión convocada pola Femp para abordar a situación, e insistir na necesidade da posta en marcha dun plan de acollemento a refuxiados.

Pola súa banda, Maica Larriba insistiu na implicación do Goberno Central para minimizar o impacto da traxedia. Ademais, os tres dirixentes fixeron fincapé na necesidade de coordinar a avalancha de solidariedade que está a provocar este conflito entre a sociedade.

Á concentración sumáronse decenas de veciños que quixeron expresar tamén o seu apoio ao pobo ucraíno. Entre eles, un grupo de mozos que levaban carteis en ruso con mensaxes en contra da guerra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí