A Fanpa de Pontevedra acusa á Xunta de cometer unha neglixencia co protocolo do vindeiro curso escolar

PONTEVEDRA> “Isto é unha neglixencia de carácter sideral”. Así definiu esta mañá o presidente da Fanpa de Pontevedra o que está a facer a Consellería de Educación de cara ao vindeiro curso escolar. En concreto, o colectivo segue defendendo a necesidade de mudar o protocolo anti Covid nos centros para poder levar a cabo os comedores escolares e o Plan Madruga.

A pouco máis de dúas semanas de comezar o curso escolar, a incerteza é total. As federacións de nais e pais seguen opoñéndose ao protocolo marcado pola Xunta de Galicia. Un protocolo que obriga, entre outras medidas, a manter unha distancia de metro e medio entre os alumnos nos comedores escolares.

A Fanpa de Pontevedra cualifica de irresponsable a actitude adoptada pola Consellería de Educación. Este colectivo segue insistindo na imposibilidade de levar a cabo os comedores escolares e o Plan Madruga senón se muda o protocolo da Xunta. A pesar de que estes servizos están suspendidos, polo de agora, a Federación de Nais e Pais decidiu abrir o prazo de inscrición para o vindeiro curso.

Os representantes da Fanpa mantiveron unha reunión coa Xunta de Galicia hai uns días e esperan ter outra a finais de mes. Así e todo, este colectivo non saca nada en claro dese primeiro encontro.

Para que os comedores escolares funcionen no vindeiro curso escolar, a Xunta debería, en primeiro lugar, aclarar cal é a distancia que teñen que manter os rapaces nos comedores. En segundo lugar, asumir parte do sobrecuste que supón esta situación, para que non recaia unicamente nas familias. Ademais, dende a Fanpa non entenden por qué teñen que asumir eles toda a responsabilidade do que acontece nos comedores escolares.

En canto á obrigatoriedade do uso das máscaras para os alumnos maiores de 6 anos, as Fanpas entenden que é unha boa medida pero insuficiente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí