NOIA> Máis de 30 cociñeiros de toda España participan na iniciativa ‘Estrelas Solidarias no Camiño’ promovida polo restaurante O Barqueiro de Negreira. Trátase dunha experiencia inmersiva para dar a coñecer non só o potencial gastronómico de Galicia senón tamén a calidade da súa materia prima.
Unha trintena de cociñeiros e sumilleres que suman entre todos máis de 60 estrelas michelín percorren Galicia estes días no marco da iniciativa solidaria Estrelas no Camiño. Comezaron o percorrido esta mañá no criadeiro de semente do Freixo onde tiveron ocasión de coñecer o proceso para a obtención da cría de ameixa que posteriormente sementaron na praia de Testal acompañados polas mariscadoras da confraría de Noia.
Esta experiencia inmersiva, promovida por Turismo de Galicia, ten por obxectivo poñer en valor o potencial gastronómico e a calidade do produto galego.
A iniciativa ten tamén unha vertente solidaria posto que tódolos fondos recadados, a través da feira gastronómica celebrada na Finca Casa Barqueiro en Gonte, irán destiados á asociación Pro-Saúde Mental A Creba e á Fundación de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca da Barcala.











