Máis de 300 actividades dan forma a un Salón do Libro con iniciativas solidarias con Palestina

PONTEVEDRA> Pontevedra conta os días para comezar cunha das actividades máis agardadas da súa programación anual. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil arrancará o vindeiro 4 de marzo, dando o tiro de saída a unha proposta con máis de 300 actividades que encherán a cidade de cultura, música e, sobre todo, literatura. Este ano terá especial peso o país convidado, Palestina. O salón celebrará tres actividades solidarias para recadar fondos para apoiar aos palestinos fronte ao xenocidio de Israel.

Do 6 ao 22 de marzo o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá unha das programacións máis agardadas: a do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

‘Que non pare a música!’ é o lema do evento deste ano. Entre as novidades, o sábado 14 celebrarase o OrbilFest, o primeiro festival de para pequenos e familias. Ademais, a música estará presente en toda a programación.

Tamén terá un peso especial nas diferentes actividades Palestina, país convidado nesta edición. Algunhas delas cunha compoñente solidaria.

É o caso da cita inaugural. Será o mércores 4 ás 8 da tarde no Teatro Principal, coa gala Cultura contra a barbarie de Pallasos en Rebeldía. As entradas xa están á venda cun prezo de 8 euros.

Outra das citas máis agardadas da programación é a Troca de Libros. Será o domingo 15 e ocupará toda a superficie do Recinto Feiral para atender a gran demanda.

As reservas de praza en salondolibro.gal abrirán cada mércores ás 5 da tarde. Dende hoxe xa está activadas as da primeira fin de semana. O mércores 4 ás da segunda e o día 11 as da última. Xa está activa tamén en Ataquilla.com a venda de entradas anticipada para os espectáculos de pago.