PONTEVEDRA> A Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro amosa as súas dúbidas sobre o anuncio feito polo Concello de Pontevedra de aparca-lo proxecto de Monte Porreiro. O colectivo vai solicitar mañá unha reunión co alcalde para aclarar qué vai parar ao caixón, se todo o proxecto de mobilidade ou só a peonalización.
O anuncio feito polo Concello de Pontevedra de aparca-lo proxecto de Monte Porreiro xera dúbidas nos veciños do barrio. A Asociación O Mirador di que as declaracións do concelleiro Demetrio Gómez deixan lugar a interpretacións. Porque, di o seu presidente, unha cousa é paraliza-la peonalización e outra, recuar nas outras medidas de seguridade viaria que se contemplaban no proxecto.
Para atopar respostas, mañá mesmo van solicitar unha reunión co alcalde e o edil que, confían, se celebre axiña.
Dende o colectivo reiteran que, a diferenza do que asegurou onte Demetrio Gómez, as súas prioridades para o barrio seguen a se-las mesmas de sempre.
O presidente da asociación veciñal valora tamén as mobilizacións impulsadas contra a peonalización. Di que o factor decisivo para conseguir que o Concello dese marcha atrás foi a manifestación da semana pasada.
Iso si, di ser partidario de paraliza-lo resto de mobilizacións ata que o Concello lles aclare que vai parar ao caixón, se todo o proxecto de mobilidade ou só a peonalización.