Sanxenxo recibiu 50.000 euros da Xunta para garantir a seguridade nas praias

SANXENXO> Reforzar a seguridade sanitaria nas praias foi unha das prioridades para as administracións durante este verán marcado polo coronavirus. A Xunta de Galicia puxo en marcha unha liña de axudas dotada de 1,1 mllóns de euros para esta finalidade, e 42 concellos decidiron adherirse. Un deles foi o de Sanxenxo, que recibiu 50.000 euros. O vicepresidente autonómico visitou hoxe o municipio para coñecer as medidas.

As praias de Sanxenxo estrearon este ano unha nova figura. En pleno escenario COVID19, 35 informadores encargáronse de vixiar os aforos e os accesos dos areais, para garantir o cumprimento das medidas de seguridade sanitaria.

Este persoal foi contratado polo concello no marco dunha liña de axudas da Xunta de Galicia. Sanxenxo recibiu máis de 50.000 euros de fondos autonómicos, cos que tamén se reforzaron os medios para a limpeza dos areais e os seus servizos, a compra de material de desinfección ou a instalación de cartes informativos relacionados coa prevención da COVID.

Dende o concello destacaron a importancia desta achega. E é que para o concello de Sanxenxo é prioritario transmitir seguridade aos visitantes.

A Xunta habilitou 1,1 millóns de euros a este plan e, a día de hoxe, 42 concellos xa asinaron convenios co Goberno galego. Para poder optar a estas axudas os municipios deben contar cunha poboación inferior a 40.000 habitantes, un mínimo de 300 prazas de aloxamento hoteleiro e máis de 5 praias, ao considerarse que son os que teñen máis necesidade de financiamento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí