O GROVE> Rematada a nova rotonda da estrada provincial que une O Grove con San Vicente. Sitúase na intersección dos viais municipais de acceso a Lampáns e Vizocas, unha zona marcada polas altas velocidades que acadaban os vehículos nun cruce complicado. A obra supuxo un investimento de 210 mil euros financiados pola Deputación de Pontevedra.
Deputación de Pontevedra e concello do Grove avanzan na mellora da seguridade viaria e do calmado do tráfico en San Vicente. A administración provincial vén de rematar unha rotonda na estrada provincial que une o núcleo meco coa parroquia, na intersección cos viais municipais de acceso a Lampáns e Vizocas.
A actuación contou cun orzamento de máis de 210.000 euros, financiados pola Deputación, e dá continuidade a outra obra do anterior mandato, cando se humanizou o treito entre o cruce de San Vicente e a igrexa.
O alcalde aproveitou a ocasión para reclamar unha nova actuación, desta volta no treito entre Campos e Reboredo. Para aí o concello pide un carril peonil e para bicicletas.
José Antonio Cacabelos recordou ademais que, a pesares de ser unha estrada provincial, trátase dunha vía de comunicación entre varios núcleos de poboación, ademais de levar a moitas praias. Converténdoa nunha ruta moi empregada pola veciñanza.