Volve a Pontevedra o programa “Rizando o Rizo” pero sen a súa tradicional pasarela

PONTEVEDRA> Volve a Pontevedra o programa “Rizando o Rizo”. Un evento que estará adaptado á nova normalidade e no que haberá diferentes servizos especializados. En total, 10 postos nos que haberá grandes profesionais do sector da perruquería e estética.

A Praza de Ourense volverá a acoller este ano unha nova edición de “Rizando o Rizo”. Un programa impulsado pola asociación Máis que Cabelos en colaboración coa Concellería de Promoción Económica de Pontevedra. O evento ía a celebrarse o pasado mes de abril pero a crise da Covid pospuxo todos os plans. Agora, a cita estará completamente adaptada á nova normalidade.

Nos 10 postos que haberá nesta edición de “Rizando o Rizo” haberá profesionais de todo tipo. Dende perruquería e maquillaxe até confección de perrucas, tratamento de unllas ou deseño de cellas.

O obxectivo deste evento é achegar á veciñanza o traballo dos perruqueiros e perruqueiras da cidade. Unha visibilidade que este ano é máis importante ca nunca para un sector golpeado pola pandemia.

O salón “Rizando o Rizo” desenvolverase o sábado 26 de setembro na Praza de Ourense en horario de 17:00 a 21:00 horas.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí