Poio crea nun tempo récord as primeiras zonas azuis do municipio

POIO> Poio crea nun tempo récord as primeiras zonas azuis do municipio. Están situadas en Raxó e Combarro e, nos dous casos, son de balde. O estacionamento limítase a tres horas co obxectivo de fomenta-la rotación de vehículos. Ademais, en Raxó, o concello tamén decidiu limita-lo acceso rodado á fachada marítima durante o verán, tendo en conta a gran afluencia de visitantes durante estes meses.

O Concello de Poio toma medidas urxentes para mellora-la mobilidade e a seguridade viaria nos núcleos de Raxó e Combarro.

En ambos casos habilítanse zonas de estacionamento de balde, cunha novidade no municipio: a implantación da zona azul cunha limitación de tres horas. Serán 10 prazas en Raxó e 50 en Combarro. Esa limitación busca favorece-la rotación de vehículos entre as 9 da mañá e as 9 da noite.

A maiores, para amplia-las zonas de estacionamento, o concello vén de chegar a un acordo para a apertura do porto da Canteira de Combarro.

Por outra banda, tamén se decidiu limita-la baixada á fachada marítima de Raxó só a usuarios e residentes, ao tempo que se limita ata a unha do mediodía a entrada de vehículos de carga e descarga.

O alcalde apunta que estas son medidas de urxencia para este verán, tomadas apenas dúas semanas despois de chegar ao concello. De cara ao ano que vén, Ángel Moldes avanza que o goberno local tentará chegar a acordos para a creación de aparcadoiros disuasorios nas zonas de maior densidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí