PONTEVEDRA> Arranca unha nova edición da Escola Feminista da Mocidade do Concello de Pontevedra e faino con diferentes propostas centradas no autocoidado. Son seis actividades dirixidas á rapazada de 15 a 35 anos, todas elas gratuítas. Comezarán agora en novembro e prolongaranse ata maio do 2026.
Construír espazos seguros e dotar ás mulleres novas de ferramentas para xestionar as diferentes situacións de violencia que se poidan atopar. É o obxectivo da Escola Feminista da Mocidade do Concello de Pontevedra, unha iniciativa que regresa este mes de novembro.
Son seis as propostas que chegan con esta nova edición da Escola Feminista. Arrancan a programación o obradoiro de Arteterapia: Autocoidado profundo e potencia creadora e o Círculo de Empatía, actividade veterana da programación que se manterá ata maio.
Xa en febreiro haberá novas propostas. É o caso dos obradoiros Autodefensa Físico-Emocional e Empoderamento, Violencias sexuais: entendelas para desmontalas e Zentangle: empoderamento artístico a través da arte, a creatividade e a meditación.
Este ano, do deseño do cartel encargouse a artista Martiza Bertolini. Para a Escola Feminista preparou unha peza bordada, cunha casa representando á escola como elemento central. Aproveitou tamén para apuntar o poder reivindicativo do bordado neste tipo de espazos.
Os obradoiros están dirixidos inicialmente a persoas de 15 a 35 anos. Os formularios de inscrición para as diferentes actividades xa están dispoñibles na web apuntate.pontevedra.gal.











