MEIS> A vendima xa está en marcha en Rías Baixas. As adegas máis madrugadoras comezan a recoller as primeiras uvas, dando inicio a unha campaña optimista e marcada polas medidas anticovid. Na cooperativa cambadesa Martín Códax máis dun centenar de vendimadores xa traballan cumprindo coas normas para evitar contaxios: grupos burbulla separados por cores e, por suposto, máscaras, son algunhas delas.
Vendimar en tempos da COVID. É o novo reto ao que se enfronta este ano o sector vitivinícola. Para garantir a máxima seguridade sanitaria, as adegas deseñaron os seus propios protocolos.
A adega Martín Códax é unha das máis madrugadoras. Máis dun centenar de vendimadores xa traballan na finca de Pé Redondo cumprindo cunhas estritas normas: máscara, xel hidroalcohólico, e tomas de temperatura. Medidas que se completan coa creación de grupos burbulla.
Estas normas aplícanse tanto aos traballadores do campo como aos que están en adega para a recepción da uva. Neste momento tamén se controlan os contactos co viticultor, minimizándoos todo o posible.
Antes de comezar a vendima, o persoal que está a traballar na recollida da uva de Martín Códax someteuse a probas serolóxicas para detectar calquera presenza de COVID19. Foi no marco da campaña organizada pola Xunta de Galicia a través do Servizo Galego de Saúde.