A Mostra de Curtas Vila de Noia repartirá máis de nove mil euros en premios

NOIA> A Mostra de Curtas Vila de Noia repartirá máis de 9 mil euros en premios na súa vixésimo cuarta edición. Máis de 1200 cintas presentáronse ó certame que se desenvolverá entre o 1 e o 11 de novembro.

A organización da Mostra de Curtas Vila de Noia traballa a reo estes días para preseleccionar os títulos que concorrerán ó certame entre os máis de 1200 presentados.

As curtas que pasen ese primeiro filtro serán as que se exhibirán durante a mostra que se desenvolverá entre o 1 e o 11 de novembro. Ademais da sección oficial, o certame inclúe a estrea da última película de Javier Veiga, a sección Cousas de Aquí con dous documentais e a entrega do premio honorífico ó actor Javier Gutiérrez.

Durante a gala, que terá lugar o sábado 11 de novembro, repartiranse máis de nove mil euros en premios. Ademais da mellor curta inclúese este ano como novidade o premio ó mellor corto español, dotado con  mil euros e clasificable para os premios Goya e Forqué. Completan o palmarés os premios a mellor dirección, guión, actor e actriz así como a mellor curta de animación, premio especial do público e Premio Curta Galicia Amateur.