BOIRO> A creadora de contido Dunatokker leva máis de catro anos reclamando que se habilite unha praia canina en Boiro. A pesar do compromiso adquirido polo concello, denuncia que non se ten feito nada ata o momento o que supón unha discriminación para as familias con mascotas.
Mentres outros concellos da contorna como A Pobra e Ribeira presumen de praia canina, Boiro carece aínda dunha zona de areal habilitada para uso e desfrute das mascotas. Así o denuncia Dunatokker, unha creadora de contido con máis de millón e medio de seguidores. A pesar dos encontros mantidos con responsables municipais nos que, asegura, se comprometeron a habilitala canto antes non se teñen producido avances ata o momento, escudándose no que cualifica de mentiras e pretextos.
A influencer insiste en que non é a única veciña que demanda este servizo posto que ten constancia doutras solicitudes similares acompañadas de campañas de recollidas de sinaturas. Ela mesma vén de poñer en marcha unha campaña en www.change.org.
Á espera de que o concello atenda a súa petición, a batalla está servida en redes sociais onde DunaTokker publica vídeos satíricos para viralizar a súa reivindicación.










