Os premios Feroz deixan en Pontevedra ao redor de 1.300 pernoctacións na fin de semana

PONTEVEDRA> Pontevedra aínda está nunha nube despois do éxito arrasador da gala dos Premios Feroz do pasado sábado. A cidade deixou o listón ben alto despois da súa estrea como sede desta importante cita do audiovisual español. Evento que tamén deixou a súa pegada na capital pontevedresa. Por exemplo, a organización pechou ao redor de 1.300 pernoctacións na fin de semana na cidade.

Dous días despois da súa estrea como sede da gala dos Premios Feroz, Pontevedra aínda non se recupera da resaca do éxito da cita.

Unha diagnose que comparten os organizadores da cita. Para a Asociación de Informadores Cinematográficos de España, a gala pontevedresa cumpriu expectativas.

Segundo os organizadores, á gala do Recinto Feiral asistiron máis de 1.100 persoas. Ás que hai que sumar outros tantos veciños que seguiron o evento polas pantallas instaladas no auditorio e no salón de actos do Pazo da Cultura.

Pero a pegada dos Feroz foi máis aló. Non en van, a organización pechou 1.100 pernoctacións na cidade, ás que habería que sumar outras 200 contratadas por fóra.

Tralo éxito desta primeira edición pontevedresa, tanto o concello como a Asociación de Informadores Cinematográficos de España xa pensan no ano 2026. Ao igual que nesta ocasión, a cita chegará precedida dunha intensa programación que fará que toda a cidade respire Premios Feroz moito antes do día da gala.