Comerciantes da Pasarela, fartos de pelotadas, piden que se regule o uso do balón na praza

PONTEVEDRA> Comerciantes da rúa José Adrio de Pontevedra reclaman que se regule o uso de balóns na Pasarela. A rapazada emprega a praza como campo de fútbol, xerando importantes problemas de convivencia e mesmo desperfectos nos negocios da zona. Aínda que xa trasladaron a problemática ao concello, non tiveron resposta.

Ana é a propietaria da florería Tallo Azul. O seu é un dos negocios da rúa José Adrio que padecen a diario polo uso descontrolado de balóns na praza da Pasarela.

María tampouco é allea a esta problemática. A terraza da súa cafetería Azucarillo sofre continuos impactos das pelotas coas que a rapazada xoga na praza sen control.

Non son as únicas. Os balonazos son frecuentes contra os escaparates dos demais locais, chegando incluso a entrar os balóns dentro dos establecementos.

Os comerciantes insisten: non están en contra de que os rapaces xoguen pero si reclaman que se regule esta actividade para garantir a convivencia entre todos os usuarios da praza.

Porque non só son os comerciantes. Tamén os veciños padecen esta situación. De feito, a recollida de sinaturas que está en marcha xa conta con máis de 200 apoios.

Esta situación xa foi trasladada ao concello de Pontevedra pero explican que aínda non tiveron resposta para atopar unha solución que poña fin aos conflitos que se producen case a diario.