OUTES> O alcalde, Manuel González, mantivo esta mañá no Freixo un encontro co vicepresidente e responsable de Turismo do organismo provincial, Xosé Regueira, ó que lle trasladou precisamente algunha destas propostas, intimamente ligadas á promoción turística dos recursos do mar.
O mar, e os recursos vinculados a este, son, sen dúbida, un dos principais atractivos turísticos de Outes. Sabedores desta peculiaridade, dende o Concello puxéronse mans á obra a traballar e deseñar distintos productos que procuran amosar o atractivo turístico do municipio a través dunha campaña de promoción en distintos soportes para a que buscan a colaboración da Deputación da Coruña.
Pero sen dúbida un dos proxectos máis ambiciosos que persegue o Concello, que conta con financiamento europeo a través dos Grupos de Acción Costeira é a rehabilitación dun antigo asteleiro de carpintería de ribeira para convertelo en museo. Un proxecto a desenvolver en varias fases cun investimento duns 600 mil euros que busca darlle o protagonismo que se merece a un sector que foi puxante no seu día no municipio.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, mostrouse favorable a colaborar na medidas das súas posibilidades cos distintos proxectos presentados.
O alcalde aproveitou tamén para presentarlle ó responsable de Turismo da Deputación un proxecto de sinalización de dúas rutas turísticas de senderismo, unha de Albán-Monte Tremuzo, e outra, que discorre polo entorno de Pontenafonso, para o que busca tamén financiamento.