Outes presenta orzamento a escasos días da moción de censura

OUTES> O goberno de Outes decidiu dar a coñecer a súa proposta de orzamentos aínda que, con toda probabilidade, non chegarán a executarse posto que o próximo martes debaterase a moción de censura presentada polo PP e o concelleiro díscolo do PSOE.

As contas presentadas polo executivo ascenden a 6’6 millóns de euros, cifra que supón un incremento de preto do 8 por cento con respecto ó pasado exercicio.

O presuposto, en palabras do alcalde, máis grande na historia do Concello.

Os investimentos aumentan preto dun 25%, representando o 11% do orzamento, máis de 770 mil euros, que están destinados basicamente ó mantemento das infraestruturas municipais.

O avanzado estado de tramitación en que se atopaban as contas supón, segundo o alcalde, unha mostra máis da boa xestión municipal en contra do argumento do seu aínda socio de goberno, Tono Caamaño, que aludiu á falla de orzamentos como un dos motivos da súa saída do goberno.