RIANXO> O auditorio municipal de Rianxo acollerá este vindeiro sábado, a partir das dez e media da mañá, as xornadas ‘Xustiza e Memoria Histórica Democrática’ organizadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.
Nelas contarase coa participación de destacados poñentes, entre os que se atopa a Fiscal de Sala Coordinadora de Memoria Democrática da Fiscalía Xeral do Estado, Dolores Delgado.
Outro dos pratos fortes da xornada será a charla que ofrecerán Jacinto Lara Bonilla e Irene Álvarez, que versará sobre a da querela Arxentina presentada contra os crimes do franquismo a través da plataforma CEAQUA.
Dende o concello de Rianxo, que colabora na organización destas xornadas, animan a participar nelas, nun momento ademais clave para as políticas de memoria democrática no Estado.
Pero o programa de actividades da Comisión da Memoria Histórica arrincará xa este xoves no cemiterio municipal de Ribeira onde se exhumarán os restos de Carmen López Novo co fin de obter probas de ADN que permitan identificar o seu fillo, o guerrilleiro antifranquista Rufino Novo, abatido en Teo, e cuxos traballos estarán dirixidos polo grupo Histagra da USC e o forense Fernando Serrulla











