A máscara, a gran protagonista dos ximnasios galegos

PONTEVEDRA> Hoxe cúmprese unha semana dende que a Xunta decidise estender a toda Galicia o uso obrigatorio da máscara nos ximnasios. Esta mañá achegámonos ata un destes centros para comprobar como foi acollida esta restrición entre os usuarios. A meirande parte deles cren que é unha medida esaxerada e inviable, sobre todo cando se practica deporte de alta intensidade.

Dende hai unha semana ela é sen dúbida a gran protagonista de todos os ximnasios de Galicia. A máscara converteuse xa nunha extensión máis do noso corpo, e agora é tamén fundamental cando facemos exercicio. Unha nova medida de seguridade imposta pola Xunta que prexudica á calidade e á intensidade dos adestramentos.

Aínda que levar a máscara é xa algo habitual entre a cidadanía, o certo é que para algúns deportistas esta medida é esaxerada e, en moitos casos, inviable.

Polo xeral, a acollida desta nova medida de seguridade foi boa. Aínda así, dende este ximnasio pontevedrés aseguran que xa houbo unha diminución de usuarios.

A raíz desta medida, os ximnasios cren que se lles está acusando, inxustamente, como un foco de contaxio.

Dende que comezou a pandemia, os ximnasios tiveron que facer unha gran inversión para adaptar todas as instalacións ás normativas anticovid. Ademais do custe que supón o reforzo na limpeza e desinfección.

Nos últimos meses, os ximnasios sufriron tamén un gran recorte na súa capacidade. Unha medida complicada para os centros pero que é fundamental para seguir garantindo a seguridade de todos.