A princesa Leonor despediu a súa etapa na Escola Naval de Marín

MARÍN> A Princesa Leonor deu hoxe por finalizada a súa etapa en Marín. Once meses despois do seu ingreso na Escola Naval da vila, esta mañá a Princesa de Asturias recibiu a Gran Cruz ao Mérito Naval con distintivo branco. Fíxoo no marco do acto da xura de bandeira dos aspirantes do primeiro curso e de entrega dos Reais Despachos a 130 novos oficiais da Armada, que contou coa presenza do rei Felipe VI, da raíña Letizia e da infanta Sofía . Esta xornada marcou o remate da etapa formativa de Leonor de Borbón na Armada.

Hoxe rematou a etapa de formación de Leonor de Borbón na Armada e, polo tanto, a Princesa de Asturias finalizou de xeito oficial o seu paso pola Escola Naval de Marín once meses despois do seu ingreso.

Como cada 16 e xullo, Día do Carme, esta mañá celebrouse o acto de xura de bandeira e entrega de despachos. Unha cita á que asistiu a Familia Real ao completo: o rei Felipe VI, a rañía Letizia e a infanta Sofía.

No marco deste evento, o monarca foi o encargado de condecorar a súa filla coa Gran Cruz ao Mérito Naval con distintivo branco como peche da súa formación. Fíxoo despois e pasar revista aos alumnos en formación. Despois de recibir este distintivo, a princesa de Asturias abandonou o seu posto xunto aos seus compañeiros e ocupou o seu lugar na mesa presidencial. Ademais, Leonor de Borbón ascendeu ao emprego de gardarmarina de segundo. Agora, continuará a súa formación na Academia Xeral do Aire en Murcia, onde ingresará nos vindeiros meses.

Despois deste momento, foi a quenda da xura de bandeira dos 86 novos alumnos da escola. Deles, 7 foron mulleres. Pola súa banda, 130, entre eles 20 mulleres, recibiron os Reais Despachos  cos que dan por rematado o seu paso pola Escola Naval.

A homenaxe aos caídos ou a interpretación do himno da Armada, foron outros dos momentos destacables deste acto. Un evento ao que acudiron, ademais da Familia Real e a ministra de Defensa Margarita Robles, numerosas autoridades civís, como o presidente da Xunta Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, ou a alcaldesa de Marín, María Ramallo.