A Deputación da Coruña e Anmupesca poñen en valor o papel das mulleres no mar

NOIA> A Deputación da Coruña e  Anmupesca conmemoraron o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo cun acto celebrado esta fin de semana en Noia. O presidente provincial puxo en valor o papel feminino en tódolos chanzos da cadea mar – industria.

Reinvidicar as mulleres do mar e poñer en valor o seu papel no sector, que non sempre foi visible. Con este obxectivo, a Deputación da Coruña e a asociación Anmupesca sumaron esforzos para celebrar unha homenaxe coincidindo co Día Internacional da Muller no Sector Marítimo.

O Coliseo Noela quedou pequeno para acoller ós numerosos asistentes a este encontro que contou coa presenza de destacadas profesionais. Durante o acto procedeuse tamén á entrega de distintivos a tres mulleres pola súa traxectoria. As galardoadas foron a fundadora da asociación Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, a vicepatroa da confraría de Camariñas, Amalia González, e mariscadora e divulgadoras de contidos en redes Mercedes Silva ‘Totakeki’.

O presidente da Deputación foi o encargado de clausurar a xornada, destacando a importancia de todas esas mulleres que sostiveron unha parte esencial da economía para facer da Coruña unha provincia dinámica e puxante.

González Formoso salientou ademais o traballo realizado pola administración provincial en colaboración con Anmupesca para elaborar o Mapa das Mulleres da Pesca.

Os retos de futuro constitúen unha das principais preocupacións do sector, que atravesa uns momentos moi complicados. De aí, a necesidade de seguir a buscar solución a través de propostas como as xurdidas da Mesa Interinstitucional do Mar de Noia como estudos rigorosos sobre a caída da produtividade, un protocolo de baleirado de encoros e un plan de acción para o saneamento integral da ría.