PONTEVEDRA> Concentración fronte á delegación territorial de Educación en Pontevedra. Os pais e alumnos do IES Sánchez Cantón protestaron esta mañá contra a semipresencialidade de primeiro e segundo de bacharelato. Os estudantes séntense completamente discriminados e piden unha maior igualdade educativa.
Estas foron as tres palabras máis repetidas hoxe nesta concentración. Un centenar de pais, alumnos e docentes do IES Sánchez Cantón protestaron esta mañá fronte a delegación territorial da Xunta en Pontevedra para esixir unha maior igualdade educativa. A falta de profesorado obrigará aos estudantes de primeiro e segundo e Bacharelato a ter unhas clases semipresenciais. É dicir, os alumnos soamente terán 15 horas lectivas presenciais e, as 17 restantes, dedicaranas a facer deberes na casa.
Os pais e alumnos do Sánchez Cantón aseguran que o motivo desta decisión non é a falta de espazo, como si acontece no IES Valle Inclán. Neste caso, o principal problema é a falta de profesorado. Algo que se solucionaría contratando 39 docentes.
A comunidade educativa do Sánchez Cantón está convencida de que esta medida é completamente discriminatoria e aseguran que non se está tratando a todos os centros por igual.
Os alumnos do Sánchez Cantón séntense nunha situación de desigualdade xa que moitos deles presentaranse este mesmo ano ás EBAU e aseguran que coa semipresencialidade terán moito menos tempo para preparar o temario. Ademais, esta medida aféctalles tamén á hora de compatibilizar as clases con outro tipo de actividade.
Os afectados esperan poder reunirse co delegado de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra nos vindeiros días. De non conseguir os seus obxectivos, os pais non descartan ir pola vía legal.